O Correo Galego

Victoria Millor é a directora do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, unha «gran biblioteca de recursos electrónicos», segundo a definición achegada por ela mesma, dirixida ós investigadores das tres universidades galegas.

Creado en novembro do 2001, o Consello de Goberno do organismo está integrado polas tres universidades galegas «que desde o primeiro momento puxeron moita ilusión e ganas no proxecto», as direccións xerais de I+D, Universidades e Comunicación e Audiovisual e mailo Cesga que ofrece soporte técnico para este espacio virtual.

A idea do proxecto, comenta Victoria Millor, «partiu da Xunta, en particular da antiga secretaría xeral de I+D, que, ademais, segue a se-lo noso principal valedor xa que, dos case dous millóns de euros que temos cada ano, a Xunta achéganos máis dun millón douscentos mil, e o resto as universidades».

Quérese que «a maioría da información necesaria para os investigadores estea na rede», e o feito de comprar estes productos electrónicos de forma conxunta entre as tres universidades «fai que se poida acceder a eles de maneira máis vantaxosa, non xa tanto no importe económico senón nos servicios ou no número de revistas que se poden adquirir pola mesma cantidade de cartos», asegura Millor.

A idea de crear este consorcio xurdiu no ano 1999 e un ano máis tarde contratouse por primeira vez de forma conxunta, aínda que sería en novembro do 2001 cando foi constituído. Entón, «levamos un ano de funcionamento, cun grande éxito, xa que durante o 2002 tivemos tres millóns de consultas ás bases de datos» constatándose deste xeito a importancia que ten este material para os investigadores das tres universidades galegas.

«Comezamos o primeiro ano co que son as bases de datos referenciais e agora queremos revistas enteiras e non só os resumos como ata agora», algo que será unha realidade o ano que vén, tendo en conta que os acordos deben ser pechados un ano antes. «Ademais», continúa Victoria Millor, «xa comezamos a contratar libros electrónicos». Unha situación que podería levantar receos entre os defensores das publicacións en papel, anque, segundo sinala a directora do Consorcio de Bibliotecas Universitarias «dentro do ámbito da investigación temos que esquece-las nostalxias. A realidade imponse e as universidades necesitan información actualizada» que chega a través de Internet. Os libros «non diminúen nas humanidades, pero nas áreas de ciencias tecnolóxicas impóñense máis estes formatos electrónicos».

«Non existe a priori unha situación ideal», subliña Millor, pero «cando tes que facer unha investigación e debes consultar revistas actualizadas», estas están na arañeira. «Santiago, por exemplo, posúe moitas carreiras de humanidades, e ó mellor ten que seguir investindo en papel, pero Vigo, con moitas carreiras tecnolóxicas, non pode parar e ten que usa-lo último que se está publicando».

Ademais, as publicacións electrónicas contan cunha vantaxe con respecto ó papel que é a actualización inmediata das novidades que se producen no mercado. Por exemplo, na área de informática que estaba un pouco «descoidada» por parte do consorcio bibliotecario, atopábase o problema de que á chegada dunha actualización en papel xa estaba outra a piques de saír.

Unha cuestión que se corrixe co material electrónico, cun proceso de edición moito máis rápido e eficaz e cuns custos iguais xa que se paga por ciclos e non por edicións. Ademais, non se acumulan libros que quedan obsoletos en poucos meses ou días. Santiago, á cabeza O ano pasado, dos case tres millóns de consultas que se realizaron ás distintas bases de datos e revistas que ofrece o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, a maior parte das visitas procederon da Universidade de Santiago ”máis de millón e medio”, a continuación situouse a Universidade de Vigo ”con setecentas mil visitas” e por último as institucións educativas da cidade herculina. A presidencia do consorcio bibliotecario das universidades galegas rota bianualmente entre os vicerrectores das tres institucións académicas. Na actualidade é o vicerrector compostelán, Eduardo García-Rodeja o que ocupa o devandito cargo.

Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia