• O portal denomínase Pórtico e proporciona servizos adicionais, como acceder a textos completos, comprobar a dispoñibilidade da versión impresa na biblioteca, xestionar a petición dun exemplar, consultar o factor de impacto dunha publicación ou exportar citas bibliográficas a documentos.
  • A iniciativa xorde da cooperación entre os servizos bibliotecarios das tres universidades galegas máis o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia), e contou co financiamento da Dirección Xeral de I+D da Consellería de Innovación e Industria.

mini_logo_porticoA comunidade universitaria galega, dende un só portal web,  xa dispón dun novo servizo de busca simultánea e recuperación de información, que indaga nos recursos do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia) combinados cos de cada unha das tres universidades.

A plataforma denomínase Pórtico e xorde froito da cooperación entre os servizos bibliotecarios do Sistema Universitario de Galicia (SUG) máis o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia co financiamento da Dirección Xeral de I+D da Consellería de Innovación e Industria.

Acceso a múltiples recursos de información

Unha das principais ferramentas da plataforma Pórtico é un metabuscador que lanza consultas sobre os recursos de información electrónica consorciados de Bugalicia ao mesmo tempo que nos propios dispoñibles de cada unha das universidades. Entre eles atópanse revistas, libros, bases de datos, catálogos bibliográficos, teses, patentes, normas, enciclopedias e dicionarios electrónicos, así como outros moitos en Internet, entre eles prensa electrónica ou boletíns oficiais.

Os recursos de información científica online contratados por Bugalicia cóntanse a día de hoxe en paquetes editoriais con arredor de 20.500 revistas electrónicas, incluidas as máis prestixiosas en cada área científica; 4.000 e-books, case medio cento de bases de datos con acceso, á súa vez, a milleiros de revistas a texto completo e máis de 10.500 actas de congresos ou estándares, que son elementos de consulta indispensable nas enxeñerías.

A biblioteca dixital

A plataforma Pórtico proporciona servizos adicionais, como o xestor de enlaces SFX, unha aplicación que integra compoñentes da biblioteca dixital mediante unha xeración dinámica de enlaces. Esta ferramenta permite, logo da busca, obter o texto completo sempre que estea dispoñible, comprobar se a biblioteca dispón dunha versión impresa. E ao mesmo tempo fai posible a súa solicitude a través do servizo de préstamo interbibliotecario.

A maiores podemos consultar o factor de impacto das revistas consultadas, unha variable que indica a relevancia  internacional das publicacións; acceder a táboas de contidos ou resumos ou buscar outros documentos do mesmo autor.

Tamén é posible  exportar citas bibliográficas das consultas realizadas a Refworks, un sistema moi útil en especial para investigadores, científicos, ou docentes que estean elaborando un artigo para unha revista científica e teñen que cumprir unhas normas moi específicas de citación bibliográfica, que este sistema xa resolve automaticamente.

Aforro de operacións de documentación e consulta

A virtude de Pórtico é que todos estes servizos se realizan dentro dun mesmo menú, cando antes había que acudir a diferentes páxinas webs, de xeito que os usuarios gañan tempo nas súas operacións de aprovisionamento de información e outros servizos.

A plataforma Pórtico está concibida para complementar e aportar valor engadido, nunca para substituír, a consulta sobre as plataformas especializadas.

É especialmente útil para un achegamento xeneralizado e de conxunto á información que nos interesa sobre un área de coñecemento determinada e que podemos atopar entre os recursos do Consorcio e simultaneamente sobre os de cada unha das universidades, a un tempo. A posteriori o usuario xa pode derivar nunha busca máis detallada recorrendo ás plataformas especializadas.

Ao día nas tecnoloxías da información

A implantación de Pórtico permite a todas as bibliotecas universitarias de Galicia manterse ao día na implantación das novas tecnoloxías da información para fornecer os servizos bibliotecarios que se prestan a toda a comunidade universitaria, para os cales o acceso electrónico á información nas mellores condicións é vital para as súas actividades científicas, docentes e de formación.


Pórtico - Metabuscador

Pórtico - Metabuscador

Pórtico - Xestor de enlaces

Pórtico - Xestor de enlaces


Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia