• O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia elabora o informe «Evolución da produción científica do SUG nas bases de datos de Thompson-ISI 2002-2006».
  • Constata que o Sistema Universitario de Galicia segue a ser a punta de lanza da investigación, proporcionando o 76% dos documentos publicados por toda a Comunidade en revistas de investigación.
  • Mostra que a produción científica de Galicia representa o 6,7% de todo o Estado.
  • O crecemento de produción científica é ascendente durante todo o período, sendo o 2006 o ano máis prolífico con 1999 documentos publicados.
  • O maior número de documentos publicados apareceron en revistas relacionadas coas áreas de coñecemento da Química; Medicina; Bioloxía Molecular e Xenética; Física e Ciencias do Espazo; e Bioloxía Vexetal e Animal e Ecoloxía, por esta orde.
  • As áreas que experimentaron un maior crecemento respecto ao número de publicacións son a Tecnoloxía Química; as Xeociencias; e a Física e Ciencias do Espazo.

A produción científica do conxunto do Sistema Universitario de Galicia (SUG) superou a cifra de 9.000 documentos publicados1, 9.0442 en total, nas revistas de investigación máis prestixiosas do mundo, entre os anos 2002-2006. No cómputo global, correspóndelle á USC encabezar a lista por número de documentos, con 5.383, seguida da UVI, con 2.954 e da UDC, con 1.380, segundo se desprende do informe «Evolución da produción científica do SUG nas bases de datos ISI 2002-2006», elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia. Este informe traballa coas bases de datos de Thompson-ISI, o Instituto para a Información Científica (ISI-Institute for Scientific Information), especializado na análise de citación ou factor de impacto de milleiros de revistas de todo o mundo.

Neste período, a produción científica das universidades galegas constitúe o 76,5% de Galicia, que acada a cifra total de 11.818 documentos publicados, cantidade que agrupa, ademais da produción das universidades, a do sistema sanitario, dos centros asociados ao CSIC, dos organismos públicos de investigación, da empresa privada, da Administración e doutros centros de investigación. Todos eles, por esta orde, están considerados como as principais fontes de produción científica da nosa comunidade, por número de documentos publicados. Polo tanto, a cifra de produción científica do Sistema Universitario Galego constata que as entidades académicas de nivel superior seguen a ser a locomotora da investigación galega.

Ao mesmo tempo, a produción científica de Galicia por documentos publicados representa o 6,7% de todo o Estado, que neste período chegou a editar 175.221 documentos nas revistas das bases de datos de Thompson-ISI (Web of Science).

Ascenso da produción científica do SUG, ano a ano

No período que comprenden estes cinco anos, entre o 2002-2006, a produción científica global das tres universidades galegas mostra unha curva ascendente ano tras ano, cun pequeno descenso, de só 9 documentos, no ano 2004 con respecto ao anterior. Así, en 2002, o conxunto de todo o Sistema Universitario de Galicia proporcionou 1618 publicacións, que no 2003 xa foron 1793, no 2004 eran 1784, no 2005 representaban 1.850 e o 2006 pechouse con 1999.

Nos casos concretos das universidades a nivel particular atopamos dúas excepcións que rachan coa tendencia ascendente. A primeira no caso da USC, cando a cifra de documentos publicados dos anos 2004 e 2005, con 1.048 e 1.070 documentos respectivamente, foi inferior á cifra do ano 2003, no que se contabilizaron 1.110 publicacións. A segunda, produciuse na Universidade da Coruña, xa que igualmente, os anos 2004 e 2005 son de menor produción que o 2003, aínda que as diferenzas son máis atenuadas que na Universidade de Santiago.

En conclusión, o ano máis prolífico do período de estudo foi o 2006, cando, en conxunto, as tres universidades foron quen de publicar 1999 documentos, dos cales 1.145 corresponderon á USC, 686 á UVI e 298 á UDC.

Áreas temáticas nas que máis se publica

Entre os anos 2002 e 2006, as áreas temáticas ANEP (clasificación realizada pola Asociación Nacional de Avaliación e Prospección, ANEP, para a distribución do coñecemento) nas que máis se publicou correspóndense coas seguintes: Química, con 2.723 documentos; Medicina, con 1.951; Bioloxía Molecular e Xenética, con 1322; Física e Ciencias do Espazo, con 1232; e Bioloxía Vexetal e Animal, Ecoloxía, con 1018. Pola contra, existen campos como o Dereito, con 16 documentos publicados; a Historia e Arte, con 41; ou a Enxeñería Mecánica, Naval e Aeronáutica, con 106, que se amosan como as materias que xeran menor número de documentos científicos.

Por outra banda, existen materias que experimentaron subidas e baixadas dende o inicio ata o final do período de estudo. Entre as que máis ascenderon cóntanse a Tecnoloxía Química, que pasou de 60 documentos en 2002 a 189 en 2006; as Xeociencias, cuxo número de publicacións variou dos 151 aos 286, nos mesmos anos; e a Física e Ciencias do Espazo, que saltou dos 204 documentos en 2002 aos 271 en 2006.

As materias que experimentaron un descenso entre o primeiro e o último ano de estudo figuran a Agricultura, que se no 2002 conseguía publicar 156 documentos en 2006 só o fai en 87 ocasións; a Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, que flutúa entre os 121 de 2002 aos 80 de 2006; e, finalmente, a Gandaría e Pesca, que pasa de 89 a 58, nestes dous anos de referencia.

Por universidades, na USC, os campos que maior número de documentos atraen son a Química, área na que se contabilizaron un total de 1.528 documentos; a Medicina, con 1.259; seguidas da Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, con 825; a Física e Ciencias do Espazo, con 798 e, finalmente, a Bioloxía Vexetal e Animal e a Ecoloxía, con 488 documentos publicados nos 5 anos que comprende este estudo.

Pero, ao mesmo tempo, neste período a evolución no número de documentos publicados pola USC variou entre o principio e o final do período 2002-2006. Así o Informe da «Evolución da Produción Científica do Sistema Universitario Galego nas Bases de Datos de ISI 2002-2006», confirma que a entidade académica compostelana remata o período cun leve repunte nas áreas da Xeociencias, da Física e Ciencias do Espazo, e da Tecnoloxía Química, mentres que descende a produción científica, tamén de xeito atenuado, no campo da Agricultura e da Tecnoloxía e Ciencias da Alimentación.

No caso da Universidade da Coruña, ao igual que a institución precedente, o primeiro posto é ocupado pola Química, con 391 documentos; seguida das Ciencias da Computación e da Tecnoloxía Informática, con 237; da Medicina, con 194; das Xeociencias, con 165; da Bioloxía Molecular e Celular Xenética, con 156 documentos.

Durante este período de estudo, a Universidade da Coruña experimenta unha evolución positiva en áreas como as Xeociencias, eido no que se pasa de apenas 20 documentos no 2002 a case 60 en 2006; ou na área de Física e Ciencias do Espazo; na Enxeñería Civil e Arquitectura; na Medicina e na Tecnoloxía Química, que pasa de 4 documentos en 2002 a 28 en 2006. Pola contra, advírtese un saldo negativo na área de Tecnoloxía e Ciencias da Alimentación, na Gandaría e Pesca e na Tecnoloxía Electrónica.

A Universidade de Vigo publica en maior cantidade documentos adscritos á área de Química, con 804; seguida da Medicina, con 498; das Xeociencias, con 406; da Bioloxía Vexetal e Animal, e Ecoloxía, con 394; e, en último lugar, da Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, con 341 documentos.

A evolución que sofre a produción científica da Universidade de Vigo, concrétase cunha conta positiva nas áreas de Xeociencias, flutuando de 60 documentos en 2002 a máis do dobre en 2006; na Medicina, onde no 2002 se publican 65 documentos e no 2006 114; así como a Tecnoloxía Química, na que se no 2002 non superaba os 30 documentos en 2006 acada 79; na Física e Ciencias do Espazo, cun crecemento máis leve. Tamén crecen as áreas de Bioloxía Vexetal, Animal e Ecoloxía; ou a Bioloxía Molecular, Celular e Xenética. Ao igual que no caso das demais universidades galegas descende o número de publicacións nas áreas de Tecnoloxía e Ciencias dos Alimentos e na Gandaría e Pesca.

A bibliometría, ferramenta para a visibilidade da nosa produción científica

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia realiza unha labor de investigación propia orientada a coñecer a cantidade e visibilidade dos traballos da comunidade investigadora galega e dos seus científicos, a través da difusión nas publicacións especializadas de referencia. A ferramenta empregada nos seus estudos e informes é a bibliometría, unha disciplina relacionada co estudo cuantitativo das publicacións científicas, que permite coñecer a estrutura, a dinámica e a evolución da actividade científica.

O estudo da literatura científica producida é imprescindible para determinar o impacto, a influencia e a visibilidade da nosa investigación, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras e aporta argumentos útiles para o deseño das liñas dunha estratexia específica do noso sistema científico.

A día de hoxe, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia ten realizado diversos estudos e informes sobre a produción científica do Sistema Universitario Galego e doutras institucións. O punto de partida foi o desenvolvemento da publicación Indicadores Científicos de Galicia- ISI, Web of Science 1990-2003, xurdida da iniciativa por promover unha análise do estado da investigación en Galicia a través dun estudo de indicadores científicos coa finalidade de coñecer a situación actual e a súa evolución dende o ano 1990, e que se actualiza todos os anos ata o presente 2008. A fonte orixinal para elaborar os indicadores bibliométricos foi a Web os Science, un produto do Institute for Scientific Information, onde están dispoñibles as bases de datos que recollen as revistas máis prestixiosas do mundo a nivel científico. No 2008 incorporouse a base de datos Scopus, outro dos referentes nos estudos bibliométricos.

Así mesmo, Bugalicia realiza unha inxente labor en estudos de investigación propia, que se van incrementando ano a ano e que, polo momento, xa se contan os seguintes:

Ano 2008:

  • Produción científica do SUG (Sistema Universitario de Galicia) nas bases de datos do ISI (2002-2006).
  • Produción científica do SUG. Informe 1º semestre 2008-Thompson-ISI.
  • Produción científica do SUG. Informe 1º semestre 2008- SCOPUS.
  • Estado da produción científica dos usuarios do CESGA (2002-2007).
  • Análise da produción científica do Sistema Universitario Español no RI3.
  • A produción matemática en Galicia (1990-2005).

Ano 2007:

  • Estudo da Evolución da Produción Científica Galega nas bases de datos de Thompson-ISI, a través do RI3 (1990-2004).
  • Análise da Produción Científica de Galicia nas bases de datos do CSIC (2002-2006).
  • Consumo de información do Sistema Universitario Galego (1990-2005).
  • Produción Científica do SUG nas bases de datos do ISI (1990-2005).
  • Universidades e Centros de Investigación de Galicia no RI3 (1990-2005).
  • A Produción Científica dos Hospitais Galegos no RI3 (1990-2005).

_______________

1 O número de documentos inclúe artigos, cartas, material editorial, revisións, notas, entre outros.

2 Esta cifra representa o número de documentos totais publicados polas tres universidades do SUG sen solapamento, é dicir, sen duplicacións nos casos en que as universidades publiquen documentos nos que colabora máis dunha entidade académica. Así, pode haber casos nos que un mesmo documento forme parte do cómputo de máis dunha universidade, se foi realizado en colaboración. Iso significa que a cifra total do SUG, (tomada sen solapamento), sempre será menor que a suma das cifras de cada universidade. Esta circunstancia debe terse en conta, sempre que apareza a cifra total do SUG e as individualizadas por universidade ao longo da información.

Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia