O CBUG asinou, en representación das súas universidades membro de pleno dereito, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo, o acordo que o integran na asociación internacional para a posta en acceso aberto de diversas revistas do ámbito da física de altas enerxías. O CSIC, CSUC e o Consorcio Madroño son outros asinantes do acordo.

O CBUG é unha das catro institucións españolas que ata o momento asinaron o acordo (“MoU”: Memorandum of Understanding) que o converte en membro da asociación internactional SCOAP3, para o acceso aberto a revistas científicas da física de partículas. As outras institucións españolas asinantes hoxe en día son o CSIC (Centro Superior de Investigaciones Científicas), o CSUC (Consorci de Serveis Universitaris de Catalunya) e o Consorcio Madroño.

SCOAP3 é unha iniciativa international liderada polo CERN (Organización Europea para a Enerxía Nuclear, premiada co Príncipe de Asturias en 2013), destinada a converter en revistas de acceso aberto un conxunto de publicacións chave dentro do campo da física de altas enerxías. Deste xeito, as revistas incluídas no ámbito do proxecto- seleccionadas tras unha convocatoria pública que consideraba factores como o factor de impacto ou a calidade do servizo prestado polos editores- non presentan custos para os autores e usuarios de todo o mundo, sendo sufragado o acceso ás mesmas pola propia asociación SCOAP3, de xeito centralizado. Isto implica un total aproximado duns 4.000 artigos publicados cada ano que no presente, e dende o 1 de xaneiro de 2014, contan con acceso libre e gratuíto . Estes artigos están dispoñibles no repositorio SCOAP3 .

A meirande parte dos países da nosa contorna xeográfica e económica participan en SCOAP3 a través das súas sinaturas dunha ou varias institucións (a lista de países e asinantes atópase dispoñible na páxina web do proxecto ). No caso español, optouse por unha aproximación bottom-up, polo que son os distintos consorcios e grupos de compra de bibliotecas, os que están asinando o "MoU” en nome dos seus membros ou socios. Entre eles, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia , agrupando á Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo. Espérase que, a curto prazo outros consorcios e grupos de compra españois asinen tamén o convenio, de xeito que todas as institucións do noso país que realizan investigacións no campo da física de partículas sexan incorporadas á iniciativa.

Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia