• Entre 2002 e 2007 publicáronse 1.200 documentos, dos cales 582 foron artigos derivados da actividade de cálculo desenvolvida no CESGA polos usuarios autorizados.

A produción científica dos investigadores usuarios do Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, que fomenta, difunde e presta servizos de cálculo, ao servizo das comunidades investigadoras galegas e o CSIC, concretouse na publicación de 582 artigos de investigación publicados en revistas con factor de impacto, sendo no 73.20% dos casos, revistas tipo A, é dicir, as que gozan de maior consideración na comunidade científica internacional. Así se desprende do «Estudo da produción científica declarada polos usuarios do Centro de Supercomputación de Galicia entre os anos 2002 e 2007», elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia coa finalidade de recoller e normalizar todos os traballos de investigación publicados como resultado do uso tecnolóxico que ofrece o CESGA.

A publicación dunha investigación representa unha das fases primordiais para poñer en valor un traballo científico, un xeito de compartir coñecementos co resto da comunidade científica, transferilo e rendibilizalo socialmente e, polo tanto, é unha medida da utilidade que as infrastruturas xestionadas polo CESGA representan para os seus usuarios, que son, fundamentalmente investigadores do Sistema Universitario de Galicia (SUG), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e, puntualmente, doutras institucións.

Estes 582 artigos de investigación viron a luz en 195 revistas aparecidas, na súa maioría, no Journal Citation Report (2006), un repertorio de revistas con factor de impacto recollidas nas bases de datos de Thompson-ISI, o Institut for Scientific Information, que ofrece servizos de bibliografía e está especializado na análise de citación das publicacións. Moitos investigadores prefiren publicar os seus artigos en revistas cubertas polas bases de datos do ISI polo prestixio, visibilidade e impacto que se lles atribúe na comunidade investigadora internacional. Por outra banda, só un 7,2% dos artigos elaborados polos usuarios do CESGA se publicou en revistas que non están clasificadas no JCR.

Polo que atinxe ao crecemento no número de artigos publicados en revistas tipo A derivados da actividade dos usuarios do CESGA, cómpre indicar que foi un ascenso continuado no período de análise. Así entre o 2002 e o 2007, ambos incluidos, publicáronse 38, 55, 53, 78, 85 e 117, respectivamente.

Aquelas revistas nas que os investigadores conseguiron publicar artigos froito do resultado do cálculos nos supercomputadores do CESGA e que contan cun mellor factor de impacto son: Chemical Reviews (fi=26,054), Trends in Ecology&Evolution (fi= 14,125), ou Angewantdte Chemie-International Edition (fi=10,232).

A produción científica declarada polos usuarios do CESGA está asinada por un total de 330 autores, usuarios rexistrados do servizo. Do total de traballos, 514, o 75%, son artigos que viron a luz foron froito da colaboración, en moitos casos internacional, é dicir, estaban asinados por varios autores, dando idea de cómo os recursos do CESGA se insiren nunha rede maior e multiplican o alcance dos seus servizos chegando a favorecer o intercambio con comunidades científicas doutras partes do mundo.

Ademais dos artigos en revistas, os cálculos feitos nos supercomputadores do Cesga víronse tamén reflectidos nun número total de 1.200 documentos, entre os que se inclúen numerosas presentacións de ponencias e pósters en congresos nacionais e internacionais (438) e na realización de 78 teses, repartidas entre as 20 da UDC, as 29 da USC, as 10 de UVigo e 19 doutras universidades de fóra de Galicia.

Respecto ás areas do saber foron as ciencias puras e as exactas as que produciron maior número de artigos. Así materias como Physics, Atomic, Molecular&Chemical; Schemistry PHisical; Chemistry,Organic; Chemistry, Multidisciplinary; Physics, Condensed Matter foron sobre as que versaron máis publicacións co seguinte número de artigos respectivamente: 164, 136,88,64,36.

Medir a visibilidade do CESGA

O estudo da evolución do Centro de Supercomputación de Galicia a través das publicacións científicas dos seus usuarios empregou unha serie de criterios para avaliar a contribución ao coñecemento científico que inclúen o número de documentos científicos producidos nun período dado, o número de veces que estas publicacións son citadas noutros documentos, as revistas nas que se publica, os autores cos que colaboran, a visibilidade dos traballos plasmada a través do Factor de Impacto das revistas especializadas onde publican, entre outros.

Na actualidade, «os indicadores bibliométricos, baseados nas análises das publicacións científicas, trunfan institucionalmente sobre outros posibles indicadores á hora de establecer a cantidade de produción científica dun equipo de investigación ou dunha institución, por exemplo». Son indicadores «que se perfilan como os máis idóneos para observar o impacto ou a visibilidade causada por un traballo científico calquera a partir da literatura científica e tecnolóxica publicada», admite o equipo de elaboración do estudo, composto por Victoria Millor, directora técnica de Bugalicia, a documentalista Mar Rego e a informática Valme Cid.

Investigacións de Bugalicia

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia, realiza unha labor de investigación propia orientada a coñecer a cantidade e visibilidade dos traballos da comunidade investigadora galega e dos seus científicos, a través da difusión nas publicacións especializadas de referencia. A ferramenta empregada nos seus estudos e informes é a bibliometría, unha disciplina relacionada co estudo cuantitativo das publicacións científicas, que permite coñecer a estrutura, a dinámica e a evolución da actividade científica.

O estudo da literatura científica producida é imprescindible para determinar o
impacto, a influencia e a visibilidade da nosa investigación, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras e aporta argumentos útis para o deseño das liñas dunha estratexia específica do noso sistema científico.

A día de hoxe, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia ten realizado diversos estudos e informes sobre a produción científica do Sistema Universitario Galego e doutras institucións, como o propio CESGA. O punto de partida foi o desenvolvemento da publicación Indicadores Científicos de Galicia- ISI, Web of Science 1990-2003, xurdida da iniciativa por promover unha análise do estado da investigación en Galicia a través dun estudo de indicadores científicos coa finalidade de coñecer a situación actual e a súa evolución dende o ano 1990, e que se actualiza todos os anos ata o presente 2008. A fonte orixinal para elaborar os indicadores bibliométricos foi a Web of Science, un produto do Institute for Scientific Information, onde están disponibles as bases de datos que recollen as revistas máis prestixiosas do mundo a nivel científico. No 2008 incorporouse a base de datos Scopus, outro dos referentes nos estudos bibliométricos.

A dirección para acceder ao estudo é a seguinte:

http://www.bugalicia.org/adxuntos/estudos/PC_usuariosCESGA_2002-2007.pdf

Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia