Fonte DUVI http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=2706&Itemid=11

Comunidades de usuarios, redes sociais, blogs e wikis son algúns dos termos que dominan Internet nos últimos tempos. A colaboración e o intercambio áxil de información entre os usuarios inspiran o seu uso e precisamente por iso, poden ser de moita axuda para o labor dos docentes universitarios. Integralas no traballo dos profesores e empregalas como ferramenta na relación cos alumnos é o obxectivo do curso Aplicaciones Educativas da web 2.0 que organiza Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa.

Trátase da primeira edición no campus dun curso que pretende darlles aos profesores unha visión práctica das ferramentas que configuran a web 2.0 e guialos na súa aplicación á actividade docente. E é que a filosofía de colaboración e participación que inspiran este tipo de ferramentas “intégrase á perfección nas metodoloxías que potencia o Espazo Europeo de Educación Superior”, apunta Pedro Cuesta, docente do curso.

O principal obxectivo do curso é “dar aos docentes o empurrón inicial para que entren nestas ferramentas que xa están aí e non quedar á marxe do uso que de elas xa fai o alumnado”, explica. Deste xeito, tras unha breve introdución aos fundamentos da web 2.0 e das súas características, o curso comezará a presentar aplicacións de Google como Groups, Docs, Calendar ou Talk; o soporte para publicar presentacións Slideshare, marcadores sociais como Mister-Wong, redes sociais e de networking como Xing ou sindicación de contidos a través de agregadores como Google Reader ou de páxinas de inicio como Netvibes.

A continuación, o curso adentrarase no mundo dos blogs e guiará aos docentes nun uso didáctico deles, para o que realizarán un exercicio práctico de creación dun caderno de bitácora. O curso finalizará coa creación dun wiki, un sitio web no que as páxinas poden ser editadas por múltiples usuarios a través do navegador web.
Aqueles interesados en participar nesta actividade, que se desenvolverá os días 23, 25, 27 e 30 de novembro e 2 de decembro en horario de 10.00 a 14.00 horas, poderán formalizar a matrícula ata o 20 de outubro.

Os recursos electrónicos da Biblioteca

Na mesma liña de aproveitar ao máximo os recursos dos que docentes, pero tamén investigadores, dispoñen atópase o curso “Uso docente das ferramentas da Biblioteca da Universidade de Vigo. Trátase de que teñan “unha visión conxunta dos recursos electrónicos da biblioteca da Universidade e dos de libre acceso da rede”, explica Antía Salgado, unha das docentes do curso. O curso está dirixido a docentes de tódalas especialidades, “que verán multiplicados os seus recursos” e achegará explicacións teóricas de ferramentas de xestión de bases de datos disciplinares como CSIC, WOK ou Scopus. Tamén realizará un achegamento a Pórtico, o acceso ao Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, aos buscadores científicos e ás ferramentas para a avaliación da actividade investigadora, ao tempo que introducirá aos docentes na web 2.0 como ferramenta para a investigación e a comunicación científica.

O curso desenvolverase os días 4, 9, 11, 16 e 18 en horario de 16.00 a 19.00 horas e os interesados terán de prazo ata o día anterior ao seu inicio para formalizar a matrícula.

Matrícula a través da plataforma Bubela

Estas dúas actividades insírense dentro das accións formativas impulsadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa a través da súa Área de Innovación Educativa. A matrícula para ocupar unha das vinte prazas que oferta cada curso pode realizarse a través da plataforma Bubela. Aqueles que acrediten ter acudido ao mínimo de sesións establecidas recibirán a certificación da Universidade.

Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia