A Biblioteca Central da Universidade de Vigo adquiriu un importante catálogo de recursos electrónicos que inclúen 1.880 títulos das revistas científicas máis prestixiosas de temática multidisciplinar, xunto con 12.000 documentos, de libre acceso para a comunidade universitaria.
 
A subscrición esténdese ás tres universidades galegas, e o acceso pódese verificar a través das direccións IP da Universidade, polo que non é preciso dispor de contrasinal específico ningún. A consulta destes títulos realízase a través da web da Biblioteca Universitaria ou ben a través do enlace E-Revistas da web do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. Os títulos que se reciban en papel nas bibliotecas están igualmente accesibles dende o catálogo da Biblioteca Universitaria.

 
Os títulos das novas revistas abarcan todos os ámbitos do coñecemento e serán de grande utilidade para a comunidade universitaria en tarefas de investigación ou documentación. En total son sete paquetes diferentes que van dende os diversos ámbitos da Ciencia ata os das Humanidades. Deste xeito, a Biblioteca ofrece acceso ao texto completo de 436 títulos de revistas de Wiley InterScience sobre Ciencias da Terra e Medioambientais, Ciencias da Vida, Ciencias dos Materiais e Polímeros, Ciencias Sociais, Dereito, Economía e Empresa, Educación, Física e Astronomía, Informática, Enxeñería, Medicina, Matemáticas e Estatística, Psicoloxía e Química.
 
Ademais destes, 700 títulos de Kluwer online, revista de cobertura multidisciplinar con arquivo dende 1997. O mesmo período pódese consultar en Nature on line, unha revista especializada na Natureza con numerosos recursos de navegación, ben para a investigación coma para o lecer.
 
O paquete IEEE/IEL ofrece 740.000 documentos procedentes de case 12.000 publicacións, na súa maioría actas de congresos, normas ou publicacións periódicas do eido da Enxeñería eléctrica e electrónica, das Telecomunicacións e da Informática. Este recurso pódese consultar a texto completo dende o ano 1998, aínda que existen contidos datados en 1950.

Springer Link é outro dos títulos aos que se pode acceder: máis de 480 revistas a texto completo da editorial Springer con materias tan diferentes coma a Informática, a Enxeñería, as Xeociencias, a Medicina ou as Ciencias da Vida.

Para unha maior especialización está tamén Science Direct, máis de 1200 revistas das editoriais Elsevier, Pergamon, Excerpta-Medica, North Holland ou Academic Press dende o ano 1999.

Estas revistas abarcan temas diversos coma a Bioloxía, Física, Matemáticas, Química, Ciencias da Saúde, Tecnoloxía, Ciencias Sociais e Humanidades.

 
A derradeira das adquisicións da Biblioteca é JSTOR, un paquete de revistas con 239 títulos en dous volumes de Colección de Arte e Ciencias. Estas revistas falan de Ciencias Sociais e humanidades, Historia, Economía, Estudos Asiáticos, Clásicas e Arqueoloxía. JSTOR facilita o acceso á información retrospectiva, polo que non inclúe os últimos números das revistas.

O acceso aos textos completos dos artigos está almacenado ata as publicacións de entre hai 2 e 5 anos.

Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia