29 de decembro de 2009

.

.

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (CBUG), constituído como unha entidade de dereito público no ano 2001, naceu da vontade das tres Universidades galegas apoiadas pola Xunta de Galicia, contando co soporte técnico do Centro de Supercomputación de Galicia. Esta iniciativa seguiu os pasos do consorcio catalán, pioneiro en España (CBUC), e ten o seu reflexo noutras comunidades autónomas.

A través do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia o conxunto do colectivo académico e científico das tres universidades ‐máis de 60.000 usuarios entre alumnos, profesores e investigadores‐ contan cun amplo abano de recursos de información en liña, entre os que se inclúen bases de datos ou revistas electrónicas, que resultan esenciais na formación e desenvolvemento profesional deste colectivo. Igualmente, a Xunta de Galicia e as Universidades buscan favorecer así a producción de novo coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico e a transferencia ao sector produtivo que se está a desenvolver en Galicia, poñendo a disposición dos estudantes e dos investigadores esta imprescindible ferramenta tecnolóxica.

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia nacía por tanto como resposta ás novas demandas e retos da investigación e da docencia, consolidándose así, por primeira vez para todo o Sistema Universitario Galego, un novo concepto de Biblioteca Universitaria común con recursos científicos exclusivamente electrónicos, o que constitúe o maior centro de referencia en liña de Galicia.

O mantemento desta valiosa ferramenta ven sendo factible gracias á achega de recursos por parte das tres universidades galegas e da Xunta de Galicia (neste caso con aproximadamente o 40% do custe total de mantemento). Lamentablemente, en datas recentes as universidades recibiron a noticia de que para 2010 o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia verá restrinxido o seu papel como centro de referencia científica debido aos recortes orzamentarios da Xunta de Galicia que ascenden a 415.550 euros (máis dun 20% de reducción orzamentaria).

Este recorte supuxo tomar a decisión de cancelar 11 bases de datos referenciais que dan acceso a máis de 29 millóns de artigos científicos e a máis de 1.700 revistas electrónicas dos diferentes ámbitos de coñecemento.

As tres Universidades de Galicia queren deixar constancia do seu desacordo e malestar co recorte das achegas destinadas ao financiamento destes recursos electrónicos xa que entendemos que representa un claro freo ao coñecemento, sendo este, segundo recoñece a propia Xunta de Galicia, a base para o desenvolvemento dunha economía e unha sociedade máis modernas, con maior calidade de vida e máis sostibles. O progreso, por definición, non parte de cero senón do saber acumulado e posto en valor, e o acceso ao coñecido é imprescindible para progresar máis rápido e mellor.

Unha vez máis as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo queren trasladar a través deste escrito a súa preocupación ao conxunto da sociedade, á que pertencen e á que serven, por uns recortes de financiamento que limitan claramente o avance do noso país.

As Vicerreitoras de Investigación das Universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

.

Documento recortes ao coñecemento (pax. 1) Documento recortes ao coñecemento (pax. 2)

.

Localízanos na nosa web www.bugalicia.org ou nas redes sociais Facebook ou Twitter           |           BUGalicia é un servizo ofrecido polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia